*Las actuaciones de la agenda están sujetas a cambios

Bouba | Termando dos marcos
7 octubre – 21:00
Termando dos marcos non é máis ca unha reivindicación de como a través da música tamén podemos ocupar o noso lugar no mundo. Espectáculo irreverente e emotivo que busca mover conciencias e xuntar, por un momento, os sentimentos do público nunha sinerxia total, valéndose non só da música, senon tamén da posta en escena e do audiovisual.
Despois de toda a emoción de Vinculeiras, chegou a merecida calma e puidemos erguer con paciencia o que é o novo proxecto das Bouba.
A lume lento e un bocado máis maduras, reparamos en nós e no mundo e creamos algo novo, pequeno, local, desde as marxes.
Máis ca nunca resituámonos na aldea que nos pariu, a que nos dou o nome e nos mostrou que sen nós non había futuro. Non é esta cousa boa de facer nun país cada vez máis asobalhado polo capital e a desmemoria.
Sabémonos metidas nunha noite de séculos, como cantaban Fuxan os Ventos, pero resistir é de xustiza. Agarrarémonos coma carrachas aos marcos porque son nosos, e sabedoras de que precisan novas miradas, irémolos mudando para ter a vida que queremos.
Aquí estamos, Bouba, para seguir sendo, TERMANDO DOS MARCOS. Os marcos somos nós.
